![]()
BARBANZA > A problemática do furtivismo continúa traendo de cabeza ás confrarías da Arousa, así como tamén á propia administración autonómica.
A chegada das altas temperaturas e a presenza de bañistas nos areais non fai máis que acrecenta-lo problema. Un exemplo desta situación vívese en Boiro, onde os membros da Confraría de Cabo de Cruz teñen que redobrar esforzos para atalla-lo problema.
Os responsables do pósito din non saber o que facer para rematar dunha vez por todas cos furtivos nas súas concesións. A apertura da campaña de verán a pasada semana facía presaxiar bos resultados, con abundantes capturas de marisco dun tamaño máis que aceptable, o que traería importantes ingresos para os preto de 180 mariscadores a pé deste pósito que traballan nos areais boireses. As boas expectativas virían a dar unha cumprida resposta a meses de traballo coidando o marisco e limpando as praias; pero non todo está a resultar tan ben.
Extrema-la vixilancia
A
suba das temperaturas e a chegada dos primeiros bañistas ós areais está a a traer consigo un grave problema para as confrarías como son os furtivos, que veñen a esquilmar tódolos bancos marisqueiros.
Ademais dos seis vixilantes da confraría, a directiva decidiu contratar dous gardas de seguridade para reforza-las tarefas de control nas zonas máis conflitivas. Aínda así, os 17 quilómetros de costa con que conta Boiro fai necesario o traballo das propias mariscadoras, que se organizan en turnos, para manter cubertos tódolos areais da zona.
A presidenta das mariscadoras insiste en que o principal problema reside na falla de concienciación da sociedade, que debería entender que con estas accións estase a poñer en perigo o medio de vida de moitas familias.
Redacción Barbanza










