![]()
PONTEVEDRA > A conselleira de Sanidade ve oportunismo no anuncio do alcalde de asistir á manifestación polo hospital único …
… María José Rubio insiste en que o proxecto é unha realidade e que si existen prazos.
A conselleira de Sanidade, María José Rubio, cualifica de oportunismo a intención do alcalde de Pontevedra de participar na manifestación veciñal en demanda de prazos e dotación económica para o hospital único. Rubio lembrou que Lores participou nunha reunión onde se comezaron a fixar os prazos de execución só unhas semanas antes de anunciar que acudiría á manifestación.
A conselleira indicou que xa existe un calendario de traballo para acelerar ó máximo os prazos de execución do proxecto. Neste senso, explicou que cada semana se están a reunir os equipos técnicos do Concello de Pontevedra e da Consellería de Política Territorial. Segundo adiantou, os profesionais sanitarios poderán coñecer o proxecto arquitectónico en febreiro, e en abril farase a presentación a toda a cidadanía, coas miras postas en maio para iniciar o proceso de execución.
Rubio tamén respondeu ás críticas recibidas estes días pola morte do neno do Grove Rubén Guillán, tras empeorar o seu estado no Hospital Provincial de Pontevedra e ser trasladado á UCI pediátrica do Xeral Cíes de Vigo. A conselleira indica que se se fixo o traslado foi porque se podía facer e non ve necesario a instalación destas infraestructuras en Pontevedra. ‘Non é tanto esperdigar infraestructuras, senón ter as adecuadas e con profesionais cualificados’, engadiu Rubio.
A conselleira de Sanidade realizou estas declaracións onte pola tarde en Pontevedra. Rubio estivo na cidade para inaugurar un curso dirixido á formación da cidadanía como paso previo á súa participación na política sanitaria. O curso repetirase logo noutras cidades galegas.
Redacción Salnés











