![]()
RIBEIRA > O Ateneo Valle-Inclán acolle unha singular exposición composta por diversas publicacións …
… que viron a luz durante o pasado século. A compilación, titulada ‘Cen Anos de Actualidade’ é froito do traballo do xornalista Suso Souto que contou, na súa presentación, co apoio dos catro alcaldes de Arousa Norte.
A colección está composta por auténticas pezas de coleccionista. Xornais de principios de século, revistas, cómics, álbumes de cromos e mesmo enciclopedias escolares conforman esta ampla mostra nun apaixoante repaso por cen anos de historia. Entre os feitos que marcaron a actualidade durante o pasado século agóchanse infinidade de anécdotas que farán as delicias dos máis curiosos.
Todo o material exposto forma parte da colección privada do xornalista Suso Souto que, dende que tiña sete anos, xa deixaba intuir cara onde se dirixiría a súa futura profesión. Parece que a vocación veulle a Suso nun bazar ó carón da súa casa no que se amontonaban centos de tesouros literarios cos que xogaba dende moi neno.
Para facer máis ameno o repaso por esta exposición, o concello ribeirés editou unhas fichas orientativas nas que se remarcan as efemérides e os personaxes máis representantivos de de ano.
Ademais de coñece-los feitos máis destacados, e aqueles que pasaron un pouco máis desapercibidos pola nosa historia recente, as persoas que se acheguen ata o ateneo ribeirés poderán observar a evolución dos medios de comunicación dende o ano 1902 ata os nosos días. Moito teñen mudado, tanto nas formas como nos contidos; e diso dan boa conta algunhas novas inimaxinables hoxe en día que se poderán atopar entre as follas desta colección.
Os interesados en visitala poderán facelo ata o vinderio venres día 2 en horario de cinco a sete da tarde. Aínda que, de seguro, esta non será a única ocasión posto que Suso Souto xa iniciou os contactos cos alcaldes barbanzáns para levar a mostra a outros concellos de Arousa Norte. Ata o momento, o éxito de público foi tan bo que non é de extrañar que, en próximos meses, estes ‘Cen Anos de Actualidade’ poidan traspasar fronteiras.
Redacción Barbanza









