O Concello creará unha zona de lecer e un miradoiro en Xiabre

    VILAGARCÍA > O Concello pretende construír na parroquia de Bamio unha nova zona de lecer e un miradoiro. Para isto, o goberno local solicitou unha axuda á Consellería de Medio Ambiente.

    xiabrevistasriaarousa_300_300107.jpgAs tarefas de recuperación do devastado Monte Xiabre complementaranse por parte do Concello de Vilagarcía cunha nova zona de lecer e un miradoiro na parroquia de Bamio. A actuación afectará a unha parcela do monte situada enriba do polideportivo cuberto de Bamio e que presenta unhas excelentes vistas. A parte máis cha acondicionarase para acoller a zona de lecer delimitada cun valado de madeira que se dotará con mesas, bancos, papeleiras e carteis con información medioambiental.

    Tamén se actuará sobre a vexetación queimada ou en mal estado, co obxecto de mellorar o estado fitosanitario do monte, que se repoboará nesta superficie con gramíneas e árbores autóctonas. Esta zona do monte presenta unha cornixa na súa parte máis elevada e alí habilitarase o miradoiro, con excelentes panorámicas da ría de Arousa, a desembocadura do Ulla e da bisbarra. Tamén se mellorarán as comunicacións, acondicionando a pista principal de acceso a Xiabre e creando dúas vías novas.

     Redacción Salnés