Felipe Benítez Reyes e Rosa Aneiros, Premios Xornalismo Caixanova

premioscaixanova_100_190307.jpgPONTEVEDRA > O poeta e narrador gaditano Felipe Benítez Reyes e a xornalista e novelista galega Rosa Aneiros son os gañadores dos premios …

… de Xornalismo Caixanova. O xurado deu a coñecer hoxe o seu fallo no Centro Social de Pontevedra e valorou a alta calidade dos traballos presentados, tanto ó Julio Camba, como ó Fernández del Riego.

O xurado dos Premios de Xornalismo Caixanova reuniuse hoxe en Pontevedra para fallar a 27 edición do Premio Julio Camba e do cuarto premio Francisco Fernández del Riego, ambos dotados con 12 mil euros. O primeiro correspondeu a Felipe Benítez Reyes, polo seu traballo ‘El tiempo y el paraíso’, publicado no suplemento El Dominical o 7 de maio. O recente galardoado co Premio Nadal presentou, segundo o presidente do xurado Alfredo Conde, ‘un artigo moi cambadiano, breve e conciso’.

Entre os traballos presentados en galego, seleccionouse o artigo ‘A última vaca’, de Rosa Aneiros, e publicado en El Progreso, Diario de Pontevedra e Diario de Ferrol o 1 de agosto de 2006. Deste traballo, o xurado destacou que é un artigo ‘moi conciso, que se le moi ben e que reflexa moi ben os tempos nos que vivimos’.

En total presentáronse 49 traballos en castelán e 26 en galego. Non foi o ano de maior concorrencia pero o presidente do xurado destacou a alta calidade dos textos e aventurouse a dicir que ‘ a saúde do xornalismo literario é excelente’.

Redacción Salnés