Xoel López, Love of Lesbian ou Siloé pasarán por Pontevedra na quinta edición do Río Verbena

Xa queda menos para unha das grandes citas musicais do verán en Pontevedra. Os días 21 e 22 de agosto a cidade acolle o Río Verbena, festival que chega á súa quinta edición máis que consolidado no calendario. Dezaoito artistas pasarán polos escenarios que se instalarán no Recinto Feiral. Entre eles, Xoel López, Love of Lesbian ou La La Love You.

A proposta do festival Río Verbena volverá facer vibrar Pontevedra. A cidade encherase os días 21 e 22 de agosto de amantes da boa música, atraídos polo cartel desta quinta edición da cita.

Serán 18 artistas os que se suban aos escenarios do Río Verbena, que se instalarán no Recinto Feiral. Soará pop, rock independente de bandas consolidadas, canción de autor, rock alternativo, post-rock, propostas emerxentes e mesmo sesións de música electrónica.

Todo da man de artistas como Xoel López, Love of Lesbian, Siloé, La La Love You, Carlos Ares, Sidonie, León Benavente e Sanguijuelas del Guadiana. O cartel complétase con outros artistas como Yoli Saa, Luis Fercán, Los Acebos ou Rench Riviera. Das sesións para despedir cada unha das xornadas encargaranse Señora DJ e Sergio El Indio DJ.

Os abonos e entradas diarias para asistir ao festival xa están á venda. Poden adquirise na súa web oficial rioverbena.com.