Os “bolos do local” formarán a grupos musicais emerxentes

Pontevedra> O proxecto Os Bolos do Local desenvolverá un programa de formación musical e acompañamento para os grupos do Local de Música. Con esta iniciativa preténdese dirixilos cara o negocio musical e de escena.

Os Bolos do Local é unha evolución do proxecto “Os 15 bolos do local”. O que se pretende con esta transformación é convertelo nun espazo de formación continua. Dentro da programación prevista inclúense 3 grupos de actuacións, e un curso sobre produción de eventos, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de xuño no Local de Música.

As xornadas formativas veñen desenvolvéndose dende abril e continuarán durante o mes de xuño, con actividades sobre temas relevantes para por en marcha un proxecto musical.

O vindeiro luns comezará o programa de mentoring, que se desenvolverá ata o 15 de xullo e que consistirá en sesións de traballo individualizado con profesionais do panorama musical galego.

Coma parte da formación, os alumnos do curso de produción de eventos musicais involucraranse na organización dos concertos do propio Bolos do Local.

As citas musicais comezan o 22 de xuño no Local de Música co Serán de tralla, no que se ofrecerá o escenario ós grupos máis noveis a modo de festival de fin de curso. Tocarán Hidden Hate, Waterproof, Ciclogénesis, Doctor Animal, Krazzie e Essa Galera.

O 23 e 24 de xullo, na praza do Teucro, celebrarase o Son da Serea, no que tocarán Los puta mierda, Kaootik, Fondo Norte, Brutal, Frank, Skrill, Partricle e Onion Smile.

O último dos concertos terá lugar o 11 de agosto na praza da Peregrina, onde Glitter & Litter farán de teloneiros de Rosendo.