Fernando Blanco supervisa en Congalsa os proxectos financiados por Industria

    fernandoblancoencongalsa_100_200307.jpgPOBRA > O Conselleiro de Industria visitou as instalacións da empresa Congalsa, a número un na produción de alimentos precociñados ultraconxelados.

    Durante a visita, Fernando Blanco puido coñecer de primeira man os dous proxectos innovadores que está a desenvolver esta empresa, grazas a unha axuda da Consellería de Industria dentro do Plan Galego de I+D+I, no período do 2006 ó 2010.

    Congalsa acadou durante o pasado ano 2006 dúas axudas para o fomento da innovación empresarial destinadas a desenvolver proxectos de robotización na liña de envasado, de desenvolvemento e deseño dunha liña de procesado. O outro proxecto que está a realizar Congalsa subvencionado pola Consellería de Innovación e Industria consiste por unha banda no desenvolvemento a nivel industrial de produtos de mil follas de pescado, un produto totalmente novidoso no mercado español e por outra no desenvolvemento e deseño dunha liña de proceso coa particularidade da súa versatilidade para poder fabricar diferentes tipos de produtos. Así, serán pioneiros en Galicia na fabricacion de masas quebradas e obleas e produtos novidosos como os hoxaldrados de peixe que aínda están en fase de estudo.

    Nestes dous proxectos a Consellería de Innovación e Industria colaborou cunha axuda total dun millón cincocentos mil euros. Neste sentido, Fernando Blanco salientou o traballo e o esforzo innovador que as empresas galegas están a realizar nos últimos anos de cara a actualiza-los seus produtos e servizos e así poder competir nun mercado cada vez máis esixente e dificil.

    O titular de Industria reiterou tamén o compromiso do seu departamento en axudar a través de subvencións como a recibida por Congalsa a que estas empresas saquen adiante proxectos innovadores e de investigación que sen o apoio inicial da Administración non serían posibles e que lles permiten mellora-la súa produción.

    Redacción Barbanza