O PP considera que o carril bici de Barraña causará problemas circulatorios

    carrilbicibarraa_100_200307.jpgBOIRO > O PP de Boiro vén de amosa-lo seu malestar polas obras de construción do carril bici na zona do paseo marítimo de Barraña.

    Segundo os populares esta actuación vai causar serios trastornos ós condutores que habitualmente circulan pola zona xa que se reduce considerablemente o ancho da actual estrada, eliminándose ademais parte das prazas de estacionamento existente a carón da praia.

    O voceiro do PP de Boiro, Xoán Xosé Dieste, considera que esta obra demostra ás claras a falla de previsión do actual executivo, cun proxecto deficiente e a última hora pensado unicamente, segundo el, para sacar rédito electoral.

    Os problemas circulatorios que esta actuación vai provocar puideron constatarse segundo Xoán Xosé Dieste esta pasada fin de semana, cando a chegada do bo tempo contribuiu a que a praia e o paseo marítimo de Barraña se visen moi concorridos.

    Reordenación do tráfico

    Para Xoán Xosé Dieste faise necesaria a reordenación e regulación do tráfico na zona, tomando medidas serias que garantan a fluidez do tráfico e o acceso dos veciños ós seus garaxes. Por esta razón solicítalle ó executivo que poña límite de velocidade no paseo marítimo e prohiba o paso de camións de gran tonelaxe por esta vía, xa que supoñen un risco para a seguridade dos peóns.

    Así mesmo consideran necesario a apertura de rúas adxacentes ó paseo para crear máis zonas de aparcamento para os usuarios do areal e que se prohiban os estacionamentos no tramo que vai dende a rúa 18 á rúa 19, debido a que as obras de construción do carril bici provocaron a reducción do ancho da mesma.

    Redacción Barbanza