A UAD de Ribeira converterase no referente formativo en todo o norte peninsular

    uad_100_120706.jpgRIBEIRA > O concello de Ribeira asinou un convenio de colaboración coa Universidade ‘Miguel Hernández’ de Elche para a realización de distintas actuacións no ámbito das drogodependencias. Mediante este acordo, a Unidade Asistencial de Ribeira pasará a integrar a rede de centros do Instituto Nacional de Investigación en Drogodependencias converténdose así mesmo nun referente a nivel formativo en todo o norte peninsular.

    Hai xa un ano que ambas institucións asinaran un convenio marco que hoxe se materializou con este novo acordo que abre unha canle de estreita colaboración no campo da investigación entre ámbolos dous centros. Deste xeito, a UAD de Ribeira pasa a formar parte do comité investigador da Universidade Miguel Hernández de Alicante, referente nacional en materia de drogodependencias.

    Polo momento, aínda non están trazadas as liñas concretas de acción aínda que a primeira das actuacións enmarcadas no convenio podería ser un estudo de campo sobre prevención que inclúa os factores e as idades de risco así como o papel que xogan as familias.convenio_200_120706.jpg

    O obxectivo fundamental do acordo é potenciar a formación dos profesionais que operan no sector, convertendo á UAD de Ribeira nun referente de calidade en todo o Norte peninsular. O presidente do Instituto Nacional de Drogodependencias, José Antonio García del Castillo, destacou a importante labor desenvolvida polo equipo ribeirés e a sensibilidade amosada polo concello con respecto á problemática das drogas.

    Para os profesionais que xestionan a UAD, o interese do Instituto Nacional de Drogodependencias na unidade ribeiresa supón un recoñecemento á labor desenvolvida ata o momento, que xa fora distinguida cun selo de calidade.

    Hai agora dous meses que o presidente do INID participou nunhas xornadas formativas organizadas pola UAD e, dende entón, seguiron a trazarse novos proxectos que se materializarán a partir da firma deste convenio.

    Redacción Barbanza