Miles de asistentes honran á Guadalupe na romaría dos Casás

    POBRA > A aldea dos Casás rendeu unha multitudinaria homenaxe á virxe da Guadalupe na vixésimo segunda edición desta tradicional romaría. A degustación gastronómica de empanada foi a gran atración da xornada.

    Os organizadores da festa prepararon un programa do máis completo para desfrutar dunha xornada de troula con viño e saborosas degustacións gastronómicas, nas que non faltaron as sardiñas e, por suposto, a empanada de millo.

    A xornada festiva comezou como toda festa que se precie, co lanzamento de doce bombas de palenque. Durante todo o día a gran protagonista foi a virxe moreniña, pola que se celebraron dúas misas, a maior ás doce da mañá, cantada polo coro do catecismo da Igrexa do Caramiñal. E a misa solemne foi ás seis da tarde, cantada polo coro parroquial de Postmarcos. Seguidamente saiu a procesión, acompañada polos grupos de gaitas a Gandaina e Amigos do Barbanza.

    Degustación gastronómica

    Ó seu remate houbo unha gran estalada de fogos artificias. O bo viño e a comida tampouco faltaron na romaría dos Casás. Ó redor da unha da tarde comezou a oitava edición da exaltación da empanada de millo, que sempre conta con moitos seguidores.

    Este ano a organización repartiu unhas dúas mil racións deste manxar, cociñado polas mulleres da aldea, que as elaboraron coma tradicionalmente: con millo, centeo e cebolas das súas colleitas e carabeiros e berberechos da ría. Parella á degustación da empanada, celebrouse tamén unha gran sardiñada, na que se repartiron setecentos quilos de sardiñas areadas, outros tantos de mexillóns ó vapor, ambos acompañados de cachelos e pan de millo e media pipa de bo viño do país.

    A degustación estivo amenizada pola sesión vermú da charanga Tíralle do Aire, os grupos de gaitas de A Gandaina e Amigos do Barbanza, que foron ademais os encargados de por a nota musical no fin de festa. Pero a romaría da Guadalupe dos Casás non podía rematar sen sortear entre os asistentes, como xa ven sendo tradicional nos últimos anos, un porco da casa de máis de 100 quilos de peso.

    Redacción Barbanza