Unha veciña da Pobra reclama o arranxo do acceso á súa vivenda

    camiosobral_100_270807_1.jpgPOBRA > Unha veciña do lugar de Sobral, na parroquia pobresa do Xobre, denunciou o mal estado do camiño que dá acceso á súa vivenda.

    Francisca Gude xa non sabe o que facer. A pesar de telo solicitado en máis dunha ocasión no concello aínda non lle solucionaron o problema. O camiño de entrada á súa vivenda atópase nun estado lamentable. A maleza apenas deixa pasar un vehículo, non hai alumeado e o firme está sen acondicionar.

    Da nova tamén se fixo eco o grupo municipal socialista, que considera necesario que o executivo local leve a cabo canto antes a limpeza deste vial xa que se trata dun camiño de antigo empregado polos veciños para desprazarse dende a zona da Mirandela ata o centro da vila.

    Posible ampliación

    Os socialistas consideran que este vial podería mesmo ser ampliado, dándolle así ós veciños da zona unha mellor comunicación co casco urbano. De non ser así están dispostos a presentar unha moción ó respecto na vindeira sesión plenaria do mes de setembro.

    Fontes do executivo pobrés confirmáronlle a esta redacción que este vial está incluido na relación de camiños a acondicionar polas brigadas de obras municipais que estarán operativas ata o mes de outubro, polo que en breve será mellorado.

    O retraso na chegada das subvencións para a contratación dos traballadores municipais que se dedican á realización destas tarefas supuxo, segundo eles, unha tardanza no comezo das mesmas.

    Redacción Barbanza