![]()
RIBEIRA > A primeira mobilización convocada pola Asociación Sagres contra a macrodepuradora prevista en Couso contou co respaldo masivo dos veciños.
Con esta singular mobilización, os veciños de Aguiño pretendían amosar o seu rexeitamento ó proxecto da estación depuradora prevista para a zona de Pinisqueira, no lugar de Couso, que daría servizo a todo o concello ribeirés.
Máis de mil cincocentas persoas secundaron a concentración, que se desenvolveu por terra e por mar, na zona do mirador de Couso. Ademais da lectura dun manifesto, os veciños procederon á proclamación simbólica da zona litoral que vai dende Punta Perico ata a praia da Cobasa, xunto coa súa costa e dunas, como Lugar protexido polos veciños de Aguiño. Deste xeito pretenden impedir o que califican de ‘irresponsabilidade’ por parte da administración autonómica con graves consecuencias nun entrono de gran valor económico e medioambiental.
Os veciños propoñen como alternativa a implantación de pequenas estacións depuradoras en diversas zonas do municipio, en lugar dunha macrodepuradora que recolla tódolos residuos, incluso os procedentes do polígono industrial.
Por isto, non desistirán no seu empeño de botar atrás o proxecto e seguirán a realizar diversas accións de protesta. Polo momento, a plataforma xa ten solicitada unha entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente e reclamarán ante a Unión Europea posto que se trata dunha zona protexida segundo a normativa europea. Ademais, non descartan emprender as medidas legais pertinentes.
Redacción Barbanza








