Recepcións e comitivas máis curtas substitúen ás cabalgatas tradicionais no Barbanza

BARBANZA> No Barbanza os Reis Magos tamén idearon novas fórmulas para visitar ós pequenos dos distintos concellos. Na Pobra ou Rianxo iniciaron o seu percorrido polas parroquias mentres que en Lousame optaron por recibir ós cativos na Casa da Cultura.

A situación sanitaria e a chuvia obrigaron ós concellos a reformular as cabalgatas para que, dun xeito ou doutro, os pequenos puideran ver ós Reis Magos a pesar das circunstancias. En Lousame optaron por organizar unha recepción na casa da cultura á que os nenos acudiron en diferentes quendas. Cada familia, das máis de duascentas que asistiron, puido compartir ata dez minutos coas súas maxestades accedendo por unha porta do auditorio e saíndo pola outra para evitar o contacto con outras unidades familiares.

En concellos como Rianxo a comitiva real percorreu durante toda a tarde as parroquias. Igual na Pobra, onde  as súas Maxestades pasearon por tódolos núcleos do rural a bordo de vehículos convertibles.

Noutros concellos como Noia, ante as malas previsións meteorolóxicas optaron por suspender o percorrido da cabalgata aínda que si se celebrou a recepción dos Reis no Claustro do concello.

Pola contra en Ribeira suspendeuse o tradicional encontro e o belén vivente que ten lugar cada ano na praza do concello. Si saíu a cabalgata aínda que este ano cun percorrido moito máis curto, tan só discorreu pola fachada marítima dende o porto ata o paseo das Carolinas.

En Boiro mantívose a tradicional cabalgata con saída dende Lampón aínda que se reduciu o número de carrozas e integrantes da comitiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí