Arranca a campaña marisqueira en Ribeira e en Noia retoman a actividade

marisqueoribeira_100_081007.jpgRIBEIRA – NOIA > Preto de trescentos profesionais iniciaban esta mañá a campaña marisqueira nas concesións de Ribeira. Nesta primeira xornada …

… case tódolos produtores ribeireses acadaron os topes con facilidade, dez quilos de ameixa babosa e 25 da vermella, a pesar do escaso tamaño do marisco. Nembargantes, algúns dos mariscadores empregaron máis tempo do esperado en recolectar as súas capturas. 

Tal vez o escaso tamaño foi o que fixo que algúns mariscadores tardaran máis do debido en chegar ós topes establecidos nos areais nos que se abriu a veda, entre a Ameixida e as proximidades da Ínsua. Xa que como se pudo comprobar despois desta primeira xornada de marisqueo, o tamaño da ameixa non era o esperado, pero si había gran cantidade de marisco.

Finalmente, as malas previsións con respecto á cotización que ía acadar a ameixa nas puxas non se cumpliron e a de primeira calidade chegou ós cincuenta e seis euros-quilo e a máis pequena cotizou a trece. De todos xeitos, Juan José Argibay, presidente dos mariscadores asegurounos que o prezo tan alto que acadou a ameixa de primeira non é significativo, xa que se colleron moi poucos quilos.

En xeral, desde o pósito ribeirés están moi contentos cos prezos ós que hoxe se cotizou o marisco, pois a pesar de que non era tan grande, houbo moitos prezos intermedios. Co fin de que a ameixa non comece a ir á baixa, o xoves, véspera de festivo, os mariscadores ribeireses non irán ó mar, pois as fábricas, principais compradores, non traballan. Este medida comezouse a tomar en anteriores campañas, incluso tamén para os venres, con moi bos resultados.Pola súa banda, os mariscadores da Confraría de San Bartolomeu de Noia tamén retomaron hoxe a súa actividade, coas esperanzas postas en que o berberecho acadase prezos altos nas poxas da tarde, desexo que finalmente non se cumpriu. As capturas foron cuantiosas, acadando case todos os traballadores o cupo máximo e con todo o berberecho, a primeira vista, xa desovado. 

En total, os mariscadores noieses extraeron unhas corenta e tres toneladas de berberecho e tres mil quilos de ameixa, boas capturas para o retome da actividade. Agora si, o berberecho da ría de Muros e Noia xa non está ovado e volve ter a calidade óptima que as conserveiras solicitan.

Pero o peche temporal dos areais noieses durante dúas semanas non obtivo o fin buscado, a cotización do berberecho segue sen subir. Coa rula na lonxa do Freixo rematada, o berberecho de primeira subastouse a unha media de seis con corenta euros-quilo, o de segunda categoría chegou ata os cinco con dez e a ameixa babosa cotizouse a doce euros o quilo.

Aínda con estas malas perspectivas nos prezos, a confraría noiesa non se pode permitir volver pechar os bancos marisqueiros, poñendo agora todas as súas esperanzas na vindeira semana, a ver se entón suben as cotizacións. O cabildo noiés non quere arriscarse a que un cambio no tempo traia consigo as choivas e unha riada poida devastar todo o berberecho.