![]()
RIANXO > Rafael Eimil anunciou en Rianxo o inicio das obras de rexeneración nas praias no municipio durante este mes de outubro.
O plan de recuperación do litoral rianxeiro está máis preto. Así o dou a entender o Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, que visitou a localidade para manter un encontro con representantes do executivo e da confraría de pescadores da localidade, durante o cal lle anunciou o inminente inicio das obras de rexeneración na práctica totalidade das principais praias do termo municipal.
O prazo de execución dos traballos, que levará a cabo a empresa Dragados será de aproximadamente tres meses, polo que as obras, de acompañar a climatoloxía, poderían estar rematadas antes de finais de ano.
Rafael Eimil sinalou ademais que coa rexeneración dos sete areais: a Torre, Pazo, Carballeira, Tanxil, Porrón, Quenxo e As Cunchas, permitirá unha mellora non só para o seu aproveitamento lúdico senón que contribuirá tamén a mellora-la súa capacidade marisqueira.
Investimento millonario
A actuación terá unha partida próxima ós cinco millóns de euros que serán financiados integramente polo Ministerio de Medio Ambiente. Precisamente este feito foi destacado polo alcalde, Pedro Piñeiro, que agradeceu a forte inversión realizada, así como tamén o bo entendemento entre tódalas partes afectadas.
O Xefe da Demarcación de Costas en Galicia tamén informou doutras actuacións previstas dentro do plan de recuperación do bordo litoral do municipio como é o caso do sendeiro litoral entre Tanxil e Taragoña, o de Punta Fincheira a Tanxil ou o de Tanxil ás Cunchas. Todas estas actuacións contribuirán a dar un pulo importante á actividade turísitica desta vila barbanzá que constitúe un dos destinos máis visitados durante o verán.
Redacción Barbanza










