![]()
BOIRO > Continúa o cruce de acusacións entre goberno e oposición sobre a responsabilidade da suposta marcha da área comercial de LyC.
A ‘dubidosa legalidade’ da que falaba o voceiro dos populares boireses, Xoán Xosé Dieste, non é tal para o bipartito que este venres saía en defensa dos convenios urbanísticos coas firmas comerciais LyC e Eroski, promovidos durante a anterior lexislatura.
O edil de Urbanismo volveu responsabilizar ós grupos da oposición, PP e ICBoiro, da suposta marcha de LyC, impedindo así o desenvolvemento dun proxecto dinamizador para o concello de Boiro. Responsabilidade que, agora, segundo afirmou Xoán león, os populares queren eludir con ‘excusas e falsas acusacións’.
Xoán León indicou tamén que as recalificacións, para ser levadas adiante, teñen que ter, en última instancia, o visto bo da Dirección Xeral de Urbanismo polo que as acusacións formuladas polo voceiro popular, que mesmo chegou a insinuar a posibilidade de ir ó cárcere para algún membro do goberno, carecen de sentido.
Así mesmo, o titular de Urbanismo lembrou as numerosas recalificacións que ten levado a cabo o Partido Popular cando ocupaba a alcaldía de Boiro, mentres que o seu grupo non promoveu ningunha, aínda que insistiu en que o fará sempre que sexa beneficioso para a localidade.
Alternativas inviables
Tampouco comparte o concelleiro de Urbanismo as alternativas propostas polo PP para desenvolver o centro comercial, no polígono industrial ou no Plan Parcial de Barraña, que califica de ‘inviables’.
Xoán León criticou tamén a lectura partidista que os populares fixeron do informe emitido polo arquitecto municipal, e lembrou que este documento establecía a zona de Espiñeira como a mellor ubicación posible para este proxecto. Por este motivo, o bipartito tentará retomar novamente as negociacións con LyC para evitar a marcha da superficie comercial a outro concello limítrofe, tal e como se vén especulando.
Redacción Barbanza









