A corporación rianxeira aproba inicialmente o PXOM

    RIANXO> O punto saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno, BNG e PSOE, e a abstención do Partido Popular. Con máis retraso do que inicialmente prevía, nun pleno que levantou gran expectación, o executivo rianxeiro aprobaba inicialmente onte pola noite o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Un documento vital para o desenvolvemento futuro do municipio segundo sinalou o propio alcalde, Adolfo Muíños, que foi o encargado de detallar, xunto co edil de Urbanismo, Carlos Gey, algunha das principias especificidades do Plan, unha vez corrixidas as indicacións formuladas dende a Xunta. O PP rianxeiro abstívose na votación, argumentando o escaso tempo que tivo para poder analizar o documento na súa totalidade. A partir de agora e durante dous meses, unha vez publicada a correspondente resolución no DOG, abrirase un período de exposición pública para que calquer veciño ou entidade presente as alegacións que considere oportunas. Dende o concello confíase en que o documento siga os pasos correctos e poida estar aprobado definitivamente antes do remate da presente legislatura.