Bos resultados para os equipos da comarca de tenis de mesa

SALNÉS > As mellores noticias deunas o Establecimientos Otero, que continúa invicto en Primeira Nacional. Caixa Galicia e Montebalsa, en ligas autonómicas, tamén manteñen a cero o seu casilleiro de derrotas.

Gran victoria do Establecimientos Otero contra un rival directo, a SC Padronesa. Os dous conxuntos chegaban invictos á cita, pero foron os cambadeses os que se levaron a victoria final por 4 a 1, nun partido máis igualado do que reflicte o marcador.

En Segunda Nacional, o Grupo Barros non tivo problemas para impoñerse ó colista Lalín por 0 a 4. Con esta victoria o equipo mantense na zona morna da clasificación xeral.

Xa en Ligas Autonómicas, na Primeira Galega, o Caixa Galicia mantén o liderato tras sufrir moito, pero vencer, na súa visita ó Monte Porreiro. 3-4 ó final. Por outra banda, o Liceo Casino de Vilagarcía levouse o derby ante o Joyería Enrique, por un contundente 0-4. O Joyería Enrique métese en problemas mentres que o Liceo Casino xa é terceiro.

En Segunda, o Montebalsa continúa a súa traxectoria inmaculada tras vencer desta volta ó Indugasa por 2 a 4.

E dende a terceira galega é de onde chegaron as malas novas. Astegal e Insucarpi foron incapaces de dobregar á Padronesa coa que perderon 0-4 e 1-4, respectivamente.