A Coral Máximo Patiño de Vilaxoán celebra este mes o seu 45 aniversario

coral_100.jpgVILAGARCÍA > A Coral Xuntanza de Meis ofreceu este sábado un concerto no local da Confraría de pescadores de Vilaxoán, onde tamén actuou a orquestra de pulso e púa "Arousa", do Liceo-Casino de Vilagarcía.

Ámbalas dúas actuacións estaban incluídas dentro do programa de actividades do cuadraxésimo quinto aniversario da Coral Máximo Patiño de Vilaxoán. Unha coral que leva o nome do seu fundador e director durante corenta anos; ata que fai cinco foi relevado no cargo por Marisa Rodríguez Veloso.

Así pois, durante todo este mes, esta coral vilagarciana, organizou un total seis actos repartidos nas fins de semana. Desta media ducia de actividades, só restan dúas, a primeira é un concerto que terá lugar o vindeiro sábado ás oito da noite na mesma sede da confraría. Nel actuarán o Grupo de corda, acordeón e voces "Manso e Amigos", de Cambados e a propia Coral Polifónica Máximo Patiño", de Vilaxoán.

A segunda actividade é unha misa cantada na honra da patroa dos músicos, Santa Cecilia, que terá lugar á media mañá na Igrexa de Vilaxoán. Neste acto relixioso a coral local estará acompañada dos violíns Jorge e Merino. Logo, o grupo Nós de Sobradelo actuará nos locais da confraría, e ó seu termo haberá un xantar de confraternidade para festexar os corenta e cinco anos de andaina desta coral.

Co gallo deste aniversario, a directiva quere facer un chamamento á veciñanza para que se anime a formar parte desta coral, posto que precisan de novas incorporacións para chegar ás vodas de ouro.

Redacción Salnés.