Victoria do Portonovo sobre o Céltiga e empate entre Arousa e Vilalonga

portcelt_100_191107.jpgSALNÉS > O fútbol deixounos esta fin de semana dous partidos de rivalidade comarcal. O Portonovo impúxose pola mínima ó Céltiga, mentres que Arousa e Vilalonga firmaron táboas.

Doce xornadas despois o Portonovo reencontrouse coa victoria, tras derrotar por   1-0 ó Céltiga, nun partido duro e sen un claro dominador.

O signo do encontro puido ser outro ben diferente se no minuto 8 Sanromán transformara un penalti cometido en área portonovesa sobre Manuel e que o porteiro local, Marcos, encargouse de atallar.

Non houbo un claro dominador e ambos equipos buscaron o xogo directo, chegando as ocasións con contagotas. Habería que agardar á segunda metade para ver máis futbol de ataque. Primeiro avisou o Céltiga cun lonxano lanzamento de falta que se envenenou e petou no longueiro.

Mediada a segunda parte asustou o Portonovo, que atopou nas botas de Fiti unha dobre ocasión coa que puido adiantar ós seus. Primeiro Kiko e despois a mala puntería, evitaron o gol.

Pero sería Curiel, a cinco para o final, o que dese a victoria ós locais tras rematar en prancha un centro de Jacinto dende a dereita logo dunha gran xogada colectiva. Victoria balsámica para os de Piscis, que saen dos postos de descenso e toman un pouquiño de aire.

Peor quedan as cousas para o Céltiga, que veu como se lesionaba un dos seus mellores xogadores, Adrián Nieto, tras recibir unha dura entrada. O equipo da Illa encadena 4 derrotas consecutivas e xa está a un só punto do descenso.

No outro partido de rivalidade comarcal, reparto de puntos entre Arousa e Vilalonga. Os vilagarciáns suman o seu segundo partido consecutivo sen perder trala mala xeira de resultados que viña colleitando no último mes e medio. Punto tamén positivo para o Vilalonga, que acudía ó encontro coas ausencias dos defensas Quito, Lozano e Adrián, e que veu tamén como se lesionaban antes do descanso Aitor e Adrián.

Tras unha primeira metade sen apenas ocasións de gol, os arousanos adiantáronse no marcador grazas a un tanto de Gabi no minuto 67, que aproveitou un bo centro de Damián.

A partir de ahí o Vilalonga espertou e dispuxo de boas ocasións para empatar. A igualada atopárona a oito do final e de penalti, cometido por Sera sobre Iago, tras un erro defensivo de Alberto. O que non errou ó lanzar foi Comesaña que reestableceu así o empate no electrónico que se mantivo ata o remate.

A próxima xornada, o Vilalonga recibirá en San Pedro ó Portonovo mentres que o Arousa visita ó Betanzos e o Céltiga xoga na casa do segundo clasificado, o Narón.

Redacción Salnés