Ribeira dará continuidade ó Plan Reactiva ó longo de 2021

RIBEIRA> O concello de Ribeira dará continuidade ó Plan Reactiva Ribeira ó longo de 2021. As axudas financiaranse con cargo ó orzamento e ó remanente de tesourería co fin de seguir contrarrestando os efectos do covid na economía local.

O alcalde Manuel Ruíz expresou durante unha reunión cos grupos da oposición para analizar o desenvolvemento do Plan Reactiva a súa intención de darlle continuidade no vindeiro exercicio a través de partidas orzamentarias e do remanente. No transcurso da xuntanza realizouse tamén un seguimento do plan aprobado en maio destacando o alto grao de cumprimento das medidas. Entre elas, as rebaixas fiscais como a redución do imposto de circulación nun tres por cento, a gratuidade das matrículas para segundos fillos na escola infantil e no conservatorio municipal ou a ampliación das exencións na ordenanza de terrazas e o vado dos taxistas.

No que atinxe ó comercio local, o alcalde destacou o lanzamento da plataforma de comercio electrónico Ribeira Store ou as dezaseis solicitudes recibidas na convocatoria de axudas para a mellora da competitividade. Púxose en marcha tamén o plan ‘Innova-Formación’ para incentivar a adquisición de equipos informáticos nos establecementos locais.

Con respecto á hostalería, Manuel Ruíz anunciou tamén a posta en marcha dunha campaña de actualización hostaleira para a mellora da calidade e competitividade do sector mediante cursos de formación. Tamén se fomentou a adquisición de novos coñecementos entre a veciñanza cos cursos online Ribeira Academy que ofertaron máis de mil trescentas prazas.

O alcalde referiuse tamén ás axudas directas a autónomos e pemes que se viron afectados polo Covid e o incremento das axudas de emerxencia social para que aquelas familias en risco de exclusión puideran facer fronte a gastos derivados do alugueiro ou a compra de alimentos e produtos de primeira necesidade.