POBRA > O grupo municipal do PSOE da Pobra denunciou o estado de abandono en que se atopa o pazo da Mercé, practicamente en ruínas.
Hai nove anos, cando o Partido Socialista aínda ostentaba a alcaldía da Pobra, iniciouse un proceso de expropiación deste inmoble para proceder á súa restauración e convertelo nun ben público. Sen embargo, o cambio de goberno frustrou este proxecto.
Segundo os respresentantes socialistas, dende aquela o pazo da Mercé atópase totalmente abandonado, presentando na actualidade un avanzado estado de deterioro. A pesar dos trámites para establecer un convenio coa familia Boullón, proietaria do emblemático edificio, o PSOE denuncia que ata o momento non se ten realizado ningunha actuación para recupera-lo pazo.
Os socialistas instan ó executivo a dar unha explicación pública sobre os trámites realizados para a recuperación do pazo da Mercé. Así mesmo, solicitan que se axilice o proceso de recuperación, posto que de seguir así, o inmoble podería acabar desaparecendo.
Contradición
Precisamente, esa explicación pública chegaba da man do alcalde, Isaac Maceiras, quen explicou que a recuperación do pazo da Mercé atópase paralizada pola contradición entre departamentos autonómicos. Mentres a dirección xeral de Patrimonio autorizou a actuación, o Servizo de Protección do Litoral denegou o permiso ó situarse nunha zona de servidume de Costas.
Non puido ser máis claro Isaac Maceiras, ó responsabilizar directamente á Xunta de Galicia do estado ruinoso en que se atopa o pazo da Mercé. O rexedor local denuncia a contradición existente entre os departamentos de Patrimonio e de Costas, posto que o primeiro deu o visto bo á rehabilitación do pazo en contra do segundo, por ubicarse o inmoble nunha zona afecatda por Costas.
Valor histórico
Dende o concello apuntan á falla de respecto e sensibilidade co patrimonio cultural por parte da Xunta posto que non se lle recoñece o valor histórico a este edificio que data do século XVI e conta entre o seus inquilinos con persoeiros tan ilustres como Ramón María del Valle-Inclán. O historiados, Antonio González Millán, destaca a importante herdanza literaria creada entre os muros do priorato da Mercé.
O concello ten previsto remitir unha carta ó presidente da Xunta de Galicia informando sobre a situación do pazo. Así memso o grupo popular presentará unha pregunta no parlamento para coñece-la postura dos tres grupos con representación na cámara.
Sala de exposicións
Deste xeito agardan que se poida levar a cabo o proxecto de reucperación do inmoble que sería financiado pola familia Boullón. Ademais do uso residencial habilitaríase unha sala de exposicións e de estudo sobre a figura de Valle-Inclán.
Dende o concello consideran que a actuación non pode demorarse máis posto que o edificio sufre risco de derrubamento que se ve agravado polo intenso tráfico pesado que se ve obrigado a circular pola estrada comarcal por mor do peche da autovía.
Redacción Barbanza