Comerciantes de Vilanova coñecen as instalacións da praza de abastos da Pobra

    praceirosvilanova_100_220606.jpgPOBRA > Unha delegación da Asociación de Comerciantes Vilanova Centro realizou unha visita ó concello da Pobra do Caramiñal para coñecer in situ as modernas instalacións da praza de abastos da localidade, recentemente inaugurada polo Conselleiro de Industria. Antes de visita-lo mercado desenvolveuse no concello unha pequena recepción.

    A delegación da Asociación de Comerciantes Vilanova Centro chegou á Pobra encabezada polo seu presidente, Ramón Cardalda. Na casa consistorial foron recibidos no salón de plenos polo propio alcalde, Isaac Maceiras, desenvolvéndose alí un pequeno acto oficial. O rexedor pobrés doulle a benvida ós membros desta asociación de comerciantes e fixo referencia ós lazos de unión desde sempre entre as dúas localidades, a través da ría de Arousa. Durante a súa intervención Maceiras Rivas explicou tamén as características do actual mercado municipal, que foi posible grazas ós fondos da Unión Europea, Xunta de Galicia e o propio concello.

    A delegación arousá agradeceu o trato dispensado polo alcalde pobrés en todo momento.praceirosvilanova_300_220606.jpg

    Este foi pois o principal motivo da visita, polo que non dubidaron en preguntarlle ó alcalde probrés por diferentes cuestións relacionadas co proxecto de construción do novo mercado na Pobra, como o prazo de execución das obras e as súas características.

    O acto no concello rematou coa entrega por parte da delegación da Asociación de Comerciantes Vilanova Centro ó alcalde, Isaac Maceiras, dunha obra dun dos seus escritores máis ilustres: Xulio Camba.

    A comitiva desprazouse posteriormente ata a praza de abastos para vista-las instalacións. Alí puideron comprobar de primeira man as características do novo mercado pobrés, quedando verdadeiramente fascinados co resultado final.

    A delegación da Asociación de Comerciantes Vilanova Centro xunto co alcalde e o edil responsable do mercado, desprazáronse a pé dende o concello ata a praza de abastos, percorrendo varias rúas do casco urbano da vila e pasando a carón do propio museo Valle-Inclán, autor que tamén identifica ás dúas localidades.

    Unha vez dentro do mercado comprobaron o resultado final das obras, destacando a calidade e modernidade dos elementos empregados na súa construción.

    A opinión da delegación vilanovesa sobre a praza de abastos da Pobra coincide tamén coa opinión dos propios praceiros pobreses, que se sinten encantados coas novas instalacións.

    A visita rematou cun aperitivo servido no Restaurante A Terraza de Chicolino, situado na planta superior do mercado.

    Redacción Barbanza