Ribadumia reparte panos de mesa contra a violencia de xénero

    nonviolencia_ribadumia100_191107.jpgRIBADUMIA > A Concellería de Servizos Sociais comezou a repartir os panos de mesa de papel coa mensaxe ‘Non e non’ por bares …

    … e cafeterías do municipio dentro da campaña de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.

    Esta campaña de sensibilización, que se traslada a preto de trinta bares e cafeterías entre o 19 e 25 de novembro, está formada por 70.000 panos de mesa que teñen gravada a mensaxe ‘Non é non’ á violencia de xénero. Trátase dunha iniciativa ‘totalmente distinta a campañas anteriores’, opina a concelleira Lidia Álvarez, ‘tanto na organización dos talleres coma na difusión destes panos que intenta chegar a un número importante de veciños co obxectivo de que entendan, a través dunha mensaxe clara e rotunda, o significado deste día e o grave problema ó que aínda nos afrontamos’.

    Ademais desta campaña de sensibilización para a poboación en xeral, as actividades contra a violencia de xénero tamén incluíron talleres de prevención para nenos, que se desenvolveron na Casa da Cultura de Ribadumia e no propio colexio Xulia Becerra Malvar. O obxectivo destes talleres foi abordar a problemática da violencia e traballar na prevención como o método máis eficaz para combatela.

    Para finalizar, o propio día 25 presentarase un manifesto a través do que mostrar o rexeitamento unánime dos e das ribadumienses á violencia de xénero, en especial á que se produce no ámbito doméstico, e insistirase no compromiso do Concello de Ribadumia coas mulleres e na posta en marcha de servizos que preveñan estas actitudes machistas a través da promoción da igualdade.

    Redacción Salnés