A FEB vira o rumbo cara a modernización e o autofinanciamento

    reunionfeb.jpgBARBANZA> A FEB celebrou unha asemblea extraordinaria a petición das patronais da Pobra e Rianxo, en desacordo coa xestión da xunta directiva.

    {flowplayer}barbanza/reunionfeb.flv{/flowplayer}

    Da reunión saíu o acordo maioritario da necesidade dun cambio de rumbo da entidade, que chegará a través dunha modernización dos seus estatutos e da busca de mecanismos que propicien o seu autofinanciamento.

    Nin vencedores nin vencidos. Esta é a valoración que se pode sacar despois da reunión celebrada este xoves na sede da ABE á que asistiron representantes da totalidade das 12 asociacións que integran a Federación de Empresarios do Barbanza.

    En todo caso a máis beneficiada da situación creada foi a propia patronal comarcal que sae se cadra máis reforzada despois desta asemblea, ou iso é o que evidencia o propio comunicado unánime emitido esta mañá pola FEB. A través desa nota pública quere transmitírselle ó empresariado das comarcas do Barbanza, Sar, Muros e Noia de que a entidade seguirá representando, defendendo e promocionando os seus intereses económicos, sociais e profesionais de xeito mancomunado, tal e para o que foi constituida no ano 1989.

    Novos estatutos

    Así unha das accións a emprender de cara ó ano que vén será a aprobación duns novos estatutos máis acordes ós tempos actuais, tratando de buscar na medida do posible mecanismos que propicien o seu autofinanciamento para evitar así a súa excesiva dependencia das subvencións públicas.

    En parte, aqueles máis críticos coa xestión da actual presidenta, Gladys Bermúdez, e a súa xunta directiva, fundamentalmente os representantes das asociacións locais da Pobra do Caramiñal e Rianxo, non conseguiron a renuncia da actual presidenta como desexaban, pero o que si conseguiron foi sentar as bases para un cambio de rumbo da entidade, que a todas luces era necesario.

    Redacción Barbanza