![]()
RIANXO > As intensas chuvias caídas durante a noite provocaron o derrube de parte dun muro das obras da autovía, no lugar do Burato en Taragoña.
Arredor das doce da pasada noite producíase o derrube de parte do muro que están a ver, nas obras da autovía do Barbanza, a altura da parroquia rianxeira de Taragoña. A pesar do susto inicial, ós veciños do lugar do Burato non lles sorprende o acontecido posto que, dende hai tempo, viñan advertindo dos riscos que supoña a construción dun muro sen ningún tipo de suxección. As pedras caídas preto estiveron de afectar á vivenda máis próxima e un pozo situado ó seu carón.
Feito non aillado
Desgraciadamente, o acontecido a pasada noite non constitúe un feito illado e dende que comezaron as obras rexístranse con demasiada frecuencia problemas de inundacións, corrementos de terras ou cortes nos accesos e comunicacións entre os núcleos de poboación. Por esta razón culpan desta situación á empresa adxudicataria das obras da autovía do Barbanza, a quen acusan de querer cumprir os prazos sen garantir a calidade e a seguridade da nova infraestrutura.
Sen resposta
Os veciños din estar cansos de protestar diante das distintas administracións sen conseguir unha resposta satisfactoria. Solicitan un maior control sobre as obras que se están a levar a cabo para garantir a seguridade e eficacia, tanto dos traballos que se están a acometer, como da autovía, unha vez entre en servizo.
{flowplayer}barbanza/burato.flv{/flowplayer}
Redacción Barbanza






