O concello de Ribeira chega a acordo coa aseguradora do barco para contratar persoal de limpeza

RIBEIRA> O concello de Ribeira chegou a un acordo coa aseguradora da empresa armadora para a limpeza de praias. A firma contratará traballadores locais para reforzar as tarefas que tamén está a levar a cabo persoal da empresa Tragsa e voluntarios.

O alcalde de Ribeira, acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente e de Mar, desprazábase esta mañá ata a praia do Castro-Catía para supervisar as tarefas de recollida de pellets que están a levar a cabo os traballadores contratados pola aseguradora da armadora do buque.

Súmase así ás brigadas da empresa Tragsa que a Xunta destinará ás praias de con especial protección ambiental como o parque natural de Corrubedo ou aquelas pertencentes ás illas atlánticas así como ós voluntarios que participan nas xornadas de limpeza convocadas polo concello.

Dende o concello de Ribeira seguirán a destinar tódolos medios posibles para frear o avance da marea plástica. O alcalde confirmou que dende o pasado 13 de decembro, cando chegaron os primeiros sacos á costa ribeirense, o concello leva xa retirados 82 sacos enteiros ós que se suman ós numerosos restos recollidos nas xornadas voluntarias de limpeza.

O material recollido está a ser depositado nas naves municipais do servizo de limpeza á espera de instrucións por parte da Xunta para ver como proceder. Mentres tanto, o concello está a realizar unha estimación do gasto que supón a mobilización de persoal e de recursos en todo este dispositivo que, entenden, debería ser asumido pola aseguradora.