LOUSAME> Día de festa para os maiores de Lousame que este sábado ateigaron o restaurante O Trapeiro para participar na primeira xuntanza de maiores que organiza o concello. Unha trescentos vinte e cinco persoas degustaron o xantar, composto por empanada, pescada á galega e carne asada.
Acompañaron ós maiores neste día grande,a alcaldesa Teresa Villaverde e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa. A xornada estivo amenizada polo grupo de gaitas O Son do Pote e o mago Charly Braun.
Ademais durante a sobremesa, o concello quixo render homenaxe a catro ilustres maiores do municipio. A mestra Lucinda Figueroa, o sacerdote Manuel Escudero, o condutor de autobuses Manuel Rodríguez e o carpinteiro Aquiles Nieto, recibiron unha placa conmemorativa. Pola súa banda, Celia Santiago Blanco, a persoa de maior idade que acudiu á xuntanza con noventa e dous anos, recibiu tamén un agasallo.