RIBEIRA> Os peóns gañarán espazo no centro de Ribeira grazas á remodelación integral da praza do Centenario. O proxecto presentado esta mañá busca favorecer a mobilidade en todo o casco urbano conectando a zona coa praza do concello de a praza de España. Destaca ademais o protagonismo das zonas verdes.
O concello de Ribeira adxudicou por 1’1 millóns de euros a reforma integral da praza do Centenario que comezará nas próximas semanas. A UTE conformada por Prace e Xac será a encargada de dar forma a este proxecto que cumprirá unha dobre función. Ademais de rematar cos problemas de filtracións que rexistra o aparcadoiro do Centenario favorecerá a mobilidade entre as principais prazas do casco urbano contribuíndo á dinamización comercial da vila.
O proxecto contempla a creación dunha plataforma única no cruce do Centenario e Uxío Novoneyra na rúa Miguel Rodríguez Bautista. Neste treito regularase a circulación con semáforos nas horas de maior tránsito.
No que respecta á avenida da Constitución adoptarase unha solución similar aínda que priorizando o uso peonil co que se creará unha especie de adro ó carón do auditorio.
Tamén se facilitará o tránsito peonil dende a rúa da Feira cunha senda ata o auditorio. O parque infantil unificarase nunha única zona de xogos e gañarán protagonismo as zonas verdes. As obras, que comezarán nas próximas semanas, teñen un prazo de execución de tres meses.










