Avanzan as obras do novo mercado coa colocación da fachada de vidro branco

    RIBEIRA> A construción do mercado municipal afronta unha das fases máis significativas da obra coa colocación das láminas de vidro branco que recubrirán o inmoble e se erixirán, xunto a súa fachada principal inclinada, nun dos elementos máis característicos deste singular edificio. Polo momento, procedeuse á instalación dunha mostra nunha pequena área situada nun dos lados do mercado para verificar a solución arquitectónica proposta e a idoneidade da perfilería de suxeción. En breve comezarase a traballar de forma intensa no revestimento do resto do edificio. O estudo arquitectónico responsable do proxecto de finalización e reorientación da obra decantouse polo vidro branco laminado ao ser un material con pouca absorción, que envellece moi ben e permitirá aportar luminosidade á contorna na que se levanta o mercado, especialmente en días soleados. Por último, cómpre sinalar que o vidro branco será utilizado en todo o edificio agás na súa parte inferior. Neste senso, a planta baixa vai estar recuberta cun material novidoso de última tecnoloxía denominado “swisspearl”: unha especie de paneis de cemento armado con fibras de alcol de polivinilo que posúen unha alta resistencia e durabilidade.