Monteporreiro inicia as mobilizacións en contra do realoxo

    xuntanzavecios_100.jpgPONTEVEDRA > Os veciños de Monteporreiro reuníronse esta mañá co alcalde de Pontevedra e co concelleiro de Seguridade Cidadá, na procura …

    … de buscar unha solución ó realoxo dos veciños de O Vao neste barrio. Seguirán de momento aquí, a pesares de que o concello cortase o subministro de auga e luz ó non contar o edificio coa licenza necesaria. Mentres, a asociación de veciños de Monteporreiro xa solicitou unha xuntanza coa Consellería de Vivenda.

    Ademais a partires de hoxe, os veciños deste barrio vanse concentrar de oito a nove da noite diante das rúas Portugal e Alemania, onde se atopan os pisos nos que foron realoxados os veciños. E é que a situación dos veciños de Monteporreiro segue, polo de agora, igual trala xuntanza desta mañá.

    O edil de seguridade cidadá, Guilllerme Vázquez, asegurou que a postura do concello é a de apoiar ós veciños na súas reinvindicacións. Pola súa banda, os veciños de Monteporreiro saíron satisfeitos da xuntanza dado o apoio que lle están a prestar por parte do concello, pero seguen a botar en falta unha pronunciación por parte da Xunta.

    O único recurso que lles queda agora, é o de recorrer á administración autonómica por medio da vía legal. Ángel Mario Lago, voceiro da asociación de veciños de Monteporreiro, sinalou que xa presentaron un escrito no concello de Poio, pedindo información sobre o número de núcleos familiares que van ocupar cada vivenda, xa que sospeitan que van ser máis de un por piso. Tamén lle solicitaron á Xunta, unha entrevista coa Conselleira de Vivenda , Tareixa Táboas. Todo para defender un obxectivo ó que non pretenden renunciar, o cese dos realoxos.

    Guillerme Vázquez, tamén lembrou esta mañá que ademais da invasión de competencias por parte do concello de Poio, o executivo local tamén se ten que afrontar a un problema de incumprimento da legalidade urbanística, xa que os pisos ocupados carecían da licenza de primeira vivenda, motivo polo cal lles cortaron o subministro de auga e luz. En canto a quén lle debe tocar asumir o papel de manter a seguridade en Monteporreiro Guillerme Vázquez, deixou claro que é unha responsabilidade das forzas e corpos de seguridade do Estado, e na que a policía local do concello debe e vai colaborar.

    Precisamente mañá, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, vaise reunir co Subdelegado do Goberno na provincia, Delfín Fernández, quen tamén atenderá ós veciños de Monteporreiro.

    Redacción Salnés