A ampliación do polígono de Xarás sairá a licitación a finais de ano

RIBEIRA>  A ampliación di polígono de Ribeira foi o tema abordado polos empresarios de Ribeira na súa reunión co Conselleiro de Economía. Francisco Conde informou que a actuación podería licitarse a finais de ano.

A demandada ampliación do polígono de Xarás segue a súa tramitación administrativa. Na xuntanza mantida cos empresarios de Ribeira, o alcalde Manuel Ruíz e o Conselleiro de Economía, Francisco Conde, informaron do estado do proxecto. O concello vén de remitir á Xunta unha serie de modificacións requiridas para contar co visto bo de tódolos informes sectoriais co fin de proceder á aprobación provisional a mediados de ano. Se os trámites avanzan segundo o previsto, a aprobación definitiva sería unha realidade no último trimestre e acometeríase o proxecto de urbanización e a expropiación de terreos afectados co fin de que a obra se licite antes de que remate o ano.

No encontro convocado pola patronal, Francisco Conde tivo ocasión de comprobar a necesidade de dotar de máis chan industrial ó municipio ante a gran demanda. Son principalmente empresas relacionadas co mar e coa transformación de produtos pesqueiros  as interesadas en dispoñer de máis terreos para a ampliación das súas naves. Francisco Conde informou das distintas liñas de axudas convocadas pola Xunta para polígonos e anunciou unha nova liña de subvencións para a posta en marcha de parques empresariais.

O futuro polígono ocupará unha superficie de trescentos mil metros cadrados na zona de Pedras Negras, en paralelo á Carballa. No caso de incrementarse a demanda, os terreos permiten futuras ampliacións.