RIANXO > A chuvia non foi impedimento para que un grupo de motoristas se concentraran para esixi-la instalación dos quitamedos de dobre bionda.
Como acontecera hai varias semanas en Ribeira os motoristas do Barbanza volvéronse concentrar esta pasada fin de semana en Rianxo para protestar pola instalación de gardarrais potencialmente perigosos no novo trazado da autovía do Barbanza. Nesta ocasión a convocatoria, que partía das peñas motociclistas de Ribeira, Boiro, Noia e Rianxo, non tivo tanto éxito de participación, fundamentalmente polas condicións metereolóxicas existentes. A chuvia e o forte vento propiciaron que moitos motoristas, fundamentalmente aqueles procedentes de máis lonxe, optaran por non acudir á convocatoria e participar neste acto reivindicativo. A concentración iniciouse ó redor das cinco da tarde na Praza Castelao, diante da casa consistorial. Os motoristas realizaron un pequeno percorrido por varias zonas do casco urbano, para rematar de novo no punto de partida, onde se deu lectura a varios manifestos. Precisamente nun deles a portavoz da peña ribeiresa, Loli Martínez, fixo un chamamento á máxima responsable de Política Territorial, á conselleira María Xosé Caride, solicitándolle a substitución dos gardarraís.
{flowplayer}barbanza/concentracionmotosrianxo.flv{/flowplayer}
Xuntanza con Caride
A intención das peñas motociclistas do Barbanza é manter unha xuntanza no mes de maio coa propia Caride, para a que aínda non hai unha data fixada. Durante a reunión esixiranlle a retirada dos actuais quitamedos e a súa substitución por outros de dobre bionda. Polo de agora continúan recollendo sinaturas para avala-la súa solicitude á espera de novas concentracións moteiras na comarca que aínda están por determinar.
Redacción Barbanza