Protesta veciñal en Carreira para evitar o peche da sucursal de Caixa Galicia na parroquia

    RIBEIRA > Os veciños de Carreira saíron esta mañá á rúa para manifestar a súa férrea oposición ó peche da sucursal que Caixa Galicia ten nesta parroquia. Os afectados, moitos deles xubilados, dependen desta oficina para cobrar as súas pensións e realizar todo tipo de xestións.

    {flowplayer}barbanza/protestacarreira.flv{/flowplayer}

    Hai aproximadamente unha semana, Caixa Galicia comezou a remitir unha serie de cartas ós seus aboados na parroquia ribeiresa de Carreira informando do inminente peche da súa oficina a partir do día 22 de decembro. A nova caeu moi mal entre a veciñanza posto que, a partir de agora, a parroquia quedará sen ningún banco ou caixa de aforros, e veranse obrigados a desprazarse ata Ribeira ou Aguiño para realizar as súas xestións.

    A situación é máis grave aínda para os numerosos xubilados que residen en Carreira posto que non teñen facilidade para desprazarse ás localidades próximas. Fartos xa de que se eliminen servizos básicos na parroquias os cidadáns esixen que Caixa Galicia manteña esta sucursal.

    O peche tamén terá consecuencias negativas para os negocios que aínda se manteñen en Carreira, como é o caso do Supermercado Gloria.

    Recollida de sinaturas

    Ademais da multitudinaria manifestación realizada ás portas da oficina bancaria, os veciños realizaron unha campaña de recollida de sinaturas que xa lle foron remitidas ó director xeral de Caixa Galicia, instándolle a que manteña operativa a oficina de Carreira.

    Apoio do concello

    {flowplayer}barbanza/protesta2carreira.flv{/flowplayer}

    Os veciños non están sós na súa reivindicación posto que os grupos políticos do municipio xa manifestaron o seu apoio ó mantemento da sucursal e mesmo teñen presentado diversas iniciativas no concello. Para este xoves está prevista unha reunión entre o alcalde e o director provincial da caixa de aforros para expoñerlle a postura dos afectados.

    Tamén, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa solicitando que se realicen as xestións oportunas para garantir o mantemento deste servizo. A formación frentista aposta por dotar á parroquia dunha bolsa de terreo urbano, mediante a modificación do PXOM, dándolle a Carreira a posibilidade de medrar e manter servizos tan importantes coma este.

    Redacción Barbanza