Varios accidentes colapsan a AC-305 ó seu paso por Boiro

    accidentesboiro_100_140508.jpgBOIRO > Nun tramo de dez quilómetros, ó longo da estrada AC-305, chegáronse a contabilizar ata cinco colisións.

    {flowplayer}barbanza/accidentesboiro.flv{/flowplayer}

    BOIRO > Nun tramo de dez quilómetros, ó longo da estrada AC-305, chegáronse a contabilizar ata cinco colisións. A máis grave tiña lugar ó redor das dez e vinte desta mañá no lugar de Lamas, na parroquia de Cespón, na que se viron implicadas ata tres vehículos. Foi necesaria ademais a presenza dos bombeiros para excarcerar ó condutor dun deles, o condutor da furgoneta, Guillermo S.L., de 25 anos e natural de Bilbao que resultou ferido grave, con diversos traumatismos nos brazo e nas pernas e cun forte golpe no lombo, ó quedar atrapado entre os ferros. Por causas que aínda se descoñecen o seu vehículo colisionou frontolateralmente contra un camión de formigón que circulaba en dirección contraria. No accidente tamén se veu implicado outro turismo. Tanto a súa ocupante, unha veciña de Ames, como o condutor do camión, un veciño de Meis, resultaron ilesos.

    Ademais dos bombeiros de Boiro e Ribeira, ata o lugar do accidente desprazáronse membros da Policía Local, Protección Civil e Garda Civil de Boiro, así como tamén varias unidades da Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia do 061, que trasladou ó ferido ata o Hospital do Barbanza. Foi solicitada a intervención do helicóptero de emerxencias, que ó final non puido acudir polas condicións climatolóxicas

    Grandes retencións

    A consecuencia do accidente, ante a necesidade de retirar ós vehículos implicados, así como tamén á limpeza da vía, a estrada estivo cortada ata preto da unha do mediodía. Unha circunstancia que provocou grandes colas e retencións nos dous sentidos de circulación tanto de entrada como de saída a Boiro. 

    Punto negro 

    O outro accidente producíase ó redor das once e vinte da mañá na zona de Ponte Goiáns, nun lugar xa coñecido pola alta sinistralidade que se está a rexistrar nos últimos meses, converténdose nun punto negro para o tráfico. O vehículo, un todoterreo, quedou encaixado neste pequeno espazo, entre a casa e o muro, despois de sufrir, por causas que se descoñecen, unha saída de vía. Nesta ocasión, e a pesar da aparatosidade do accidente, non houbo que lamentar vítimas, e o ocupante do coche resultou ferido leve. No mesmo lugar pola tarde, ó redor da catro e media, volvía producirse unha nova saída de vía, resultando o condutor do vehículo ileso.

    Curvas da Magdalena 

    Na mesma estrada AC-305, uns quilómetros máis abaixo, ó redor da unha da tarde, na zona da Magdalena producíase tamén unha saída de vía. Un trailer de grandes dimensións cargado con sacos de area quedou atrapado contra o arcén, desprazándose parte da carga. Para devolve-lo remolque de novo á estrada foi necesaria a intervención doutro camión. A consecuencia do accidente, a circulación pola zona tivo que ser desviada por Praia Xardín.

    Redacción Barbanza