Masiva manifestación en Rianxo para evitar o derrube das vivendas no porto

    manifestacionrianxo_100_180708.jpgRIANXO > Numerosas persoas respaldaron a concentración convocada este domingo  en apoio ós propietarios das vivendas do porto que van ser derrubadas.

    {flowplayer}barbanza/manifestacionrianxo.flv{/flowplayer}

    Non están sós. Esta é a impresión que queda despois de ve-la concentración realizada o domingo na Praza Castelao. A protesta convocada polos propietarios das vivendas afectadas polo proxecto de Portos de Galicia que prevé o seu derrube, partiu da zona na que están asentados os propios inmobles, percorrendo o Paseo da Ribeira, para confluír na Praza do Concello, onde tamén agardaban deceas de persoas.

    Con berros de ‘recheo sí, derrubo non’ os manifestantes concentráronse diante da casa consistorial en sinal de protesta por unha obra que, segundo eles, é inxusta e desproporcionada.

    Construcións centenarias

    Na propia Praza Castelao os afectados deron lectura a un manifesto no que se apelaba á sensibilidade para seguir mantendo as tres vivendas ubicadas na zona do Portiño, das máis antigas das que se conservan hoxe en día en Rianxo. 

    Os afectados agradeceron tamén o apoio masivo dos veciños de Rianxo coa súa causa, un feito que lles dá forzas para seguir defendendo e seguir loitando polo seu.

    Recollida de sinaturas

    De momento continúan coa recollida de sinaturas por bares e establecementos comerciais da vila, e que posteriormente lle farán chegar ás Administracións competentes na materia.

    Expropiación inminente

    O presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, explicou a TVSB as razóns polas que o ente autónomo decidiu realiza-lo proxecto de mellora de acceso ó porto rianxeiro e a conseguinte expropiación destas tres vivendas. Para Jacinto Parga esta opción é a mellor solución para defende-lo interese xeral.

    As palabras de Jacinto Parga fan pensar nun difícil final para os propietarios destas tres vivendas. A expropiación dos tres inmobles parece xa un feito e o organismo autónomo non ten intención de da-lo seu brazo a torcer. Segundo el, o proxecto estivo a exposición pública no propio concello, atendéndose as alegacións presentadas tanto polo executivo local como pola propia confraría de pescadores.

    Redacción Barbanza