Os mariscadores de Ribeira retoman a actividade en Coroso

    RIBEIRA> Os mariscadores de Ribeira volveron ás súas concesións despois dun mes de paro. A situación que atoparon foi moi similar á anterior ó peche. Os mariscadores de Ribeira retomaron a actividade na zona de Coroso, onde estiveran traballando ata o mes de abril cando decidiron parar a actividade co fin de deixar descansar as concesións e recuperar os prezos. Tan só un mes de paro non implica a rexeneración dos bancos pero si favorece que algúns exemplares que estaban no límite medraran ata acadar a talla comercial. Aínda así, non foi doado apañar os topes e a maioría dos profesionais esgotaron toda a xornada na procura de ameixa cunha media de sete quilos de capturas. No prazo dun mes, desprazaranse ata o banco de Ameixida onde abunda a ameixa de maior calidade. Alí traballarán durante toda a campaña de verán ata a apertura do libre marisqueo.