A patronal de Ribeira promoverá iniciativas de apoio ó sector do mar

    RIBEIRA> A Asociación de Empresarios de Ribeira promoverá iniciativas encamiñadas a apoiar o sector do mar, un dos principais motores económicos do municipio. Tralo éxito da primeira edición da campaña ‘Peixe de Riveira’ a patronal porá en marcha unha mesa de traballo coa confraría para deseñar futuros proxectos. A colaboración entre a asociación de empresarios de Ribeira, a confraría de pescadores e a Consellería do Mar fixo posible a celebración da primeira edición de ‘Peixe de Riveira’ celebrada esta fin de semana no marco das festas patronais de Santa Uxía. O resultado non puido ser máis positivo con éxito de público en tódalas actividades celebradas no mercado, dende obradoiros e degustacións culinarias ata exposicións de artes de pesca e exhibición de oficios. Ademais de tratar de consolidar esta iniciativa dándolle continuidade en futuras edicións, a patronal local seguirá a promocionar os sectores produtivos a través de iniciativas que repercutan na súa mellora económica e garantan o relevo xeracional. As próximas semanas constituirá unha mesa de traballo conxunta co sector para estudar diferentes propostas.