Touriño inaugura en Cabo de Cruz as obras da nova dársena

    BARBANZA > Emilio Pérez Touriño e María Xosé Caride presidiron o acto de colocación da primeira pedra da nova dársena do porto de Cabo de Cruz.

    De actuación necesaria e longamente esperada; así cualificaba o alcalde de Boiro, Xosé Deira, a construción da nova dársena no porto de Cabo de Cruz. Esta mañá o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño acompañado da conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, autoridades portuarias, autonómicas e locais colocaban a primeira pedra desta infraestrutura, na que Portos de Galicia investirá dez millóns de euros, e que permitirá multiplicar por seis o espazo protexido da actual dársena pesqueira.

    Máis seguridade

    A actuación que acometerá Portos de Galicia, supón a construción dun dique e un contradique. O primeiro terá unha prolongación de máis de catrocentos metros a partir do actual dique sur do porto. O novo dique proporcionará unha maior seguridade aos amarres ante as ondas procedentes do sur. Pola súa banda, o contradique, de máis de seiscentos metros de lonxitude, situarase ao norte para protexer a dársena dos ventos que sopran desta dirección.

    Esta actuación, que ten un prazo de execución de 24 meses, será a segunda máis importante en volume de investimento que acomete Portos de Galicia, tras a ampliación do porto de Brens no concello de Cee. 

    Novos departamentos en Rianxo

    Tras presidir a colocación da primeira pedra en Cabo da Cruz, o presidente da Xunta e a Conselleira de Política Territorial desprazáronse ata o concello de Rianxo, onde inauguraron os novos departamentos para usuarios do porto. A carón destes almacéns habilitouse unha nova oficina para Portos de Galicia.

    Os departamentos, destinados ao almacenamento dos utensilios propios das actividades portuarias, sitúanse sobre a recente ampliación do porto, ao sur do edificio da lonxa. Trátase de catro bloques formados por setenta almacéns de superficie entre trinta e corenta metros cadrados que contaron cun investimento de máis de tres millóns de euros.

    A inauguración dos departamentos para usuarios do porto vén precedida da posta en servizo hai un ano da remodelación e mellora do dique de abrigo e dos novos pantaláns que facilitaron máis de cen prazas para embarcacións auxiliares de batea as que nun futuro sumarase a remodelación do acceso ao porto. Portos de Galicia ten investidas en todas estas actuación máis de nove millóns de euros. Xunto cos departamentos construíuse unha nova oficina na que se situarán as dependencias de Portos de Galicia en Rianxo.

    Redacción Barbanza