A oposición en Boiro tumba a ordenanza municipal de circulación

BOIRO> A corporación municipal de Boiro celebrou onte pola noite de xeito telemático a sesión plenaria con carácter ordinario deste mes de xaneiro. No pleno abordáronse un total de 24 puntos dentro da orde do día, a maioría deles mocións presentadas polos distintos grupos municipais.

Un dos puntos máis importantes da sesión foi a aprobación definitiva da ordenanza municipal de circulación. Ó punto saíu finalmente rexeitado. O grupo de goberno, o partido socialista, obtivo só o respaldo de Ciudadanos, o resto de forzas con representación na corporación votaron en contra, ó entender que é mellorable e que o goberno non tivera en conta a maioría das alegacións presentadas durante o período de exposición pública. Con esta nova regulación o executivo pretendía facer fronte á crecente carencia de espazo público de estacionamento, á proliferación de novos sistemas de mobilidade persoal, que deben encaixarse mediante normativa municipal, e tamén ó predominio do peón respecto do vehículo. Entre outras cousas, esta normativa viría a regular tamén as zonas azuis e exprés, as prohibicións e restricións circulatorias e tamén regulacións específicas como as zonas peonís e as ocupacións de vías públicas. O alcalde, José Ramón Romero, xa anunciou que a ordenanza volverá a ser levada a pleno en vindeiras sesións ata conseguir a súa aprobación definitiva. Pero o que está claro é que, se quere facelo, terá que negociar, xa que os seus cinco concelleiros son insuficientes para sacala adiante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí