Paso adiante para o proxecto de recuperación integral do río Arlés

    RIBEIRA> O proxecto de recuperación integral do río Arlés e do seu entorno, que o executivo ribeirense impulsou dentro do proxecto ‘Riveira Atlántica 2015’, vén de recibir a correspondente autorización da Xunta de Galicia, emitida polo organismo Augas de Galicia. Con este trámite o Concello está en condicións de iniciar o expediente de execucion das obras desta senda fluvial, que reviste un gran interese dende o punto de vista turístico, ambiental e patrimonial. En breve o equipo de goberno ten intención de convocar á veciñanza das parroquias de Artes e Oleiros a xuntas informativas previas nas que se lle pretende explicar o alcance do proxecto, as características do mesmo e as necesidades administrativas requiridas, así como atender as dúbidas que os veciños puidesen ter. O proxecto elaborado pola empresa Hidria Ciencia, ambiente y desarrollo, S.L., prevé a creación dunha senda dende a confluencia do río coa estrada DP-71304 e que ó longo de case cinco quilómetros descorrerá paralela ó cauce e estará realizada en materiais respectuosos co entorno. Outras accións previstas son a limpeza e desbroce na parte máis alta do río, na que se insinuará un percorrido delimitándoo coa colocación de fitos cada 50 metros, así como o acondicionamento dos camiños, viais e estruturas existentes no transcurso da senda.

    Comments are closed.