O sorteo do Neno deixa máis de douscentos mil euros en Ribeira

    RIBEIRA > A sorte acompañou ós barbanzáns no sorteo do Neno que deixou en Ribeira máis de douscentos mil euros. A administración número 1 da capital barbanzá repartiu trinta series do número posterior ó segundo premio, o 56307, premiadas con sete mil euros cada unha.

    Esta mañá era difícil adquirir un décimo de lotería na Administración Número 1 de Ribeira. A boa racha de sorte que afronta esta delegación, situada ó carón da igrexa de Santa Uxía, fai que moitos ribeireses a elixan como administración habitual polo que sempre está chea, cun constante ir e vir de clientes.

    Premios

    Tras quedarse moi preto do quinto premio do sorteo de Nadal, e repartir 190 mil euros, a lotería de Reis deixou un bo pico nesta administración. En total vendéronse trinta series do número posterior ó segundo premio, a metade en ventaniña e a outra metade en dous bares de Ribeira.

    O 56307 tamén deixou un bo tanto na Pobra, no bar O Adro que xogaba tamén este número. Dase a casualidade de que outro establecemento hostaleiro pobrés, que sempre compraba este número, pechou as súas portas hai apenas dous meses co que a sorte non lles acompañou.

    Regalo de Reis

    Os portadores de cada décimo recibirán setecentos euros, un regalo de Reis que axudará a facer máis levadeira a costa de xaneiro. Regalo tamén para o propietario da administración que non pode estar máis contento coa boa racha de premios que, como non, repercute nun incremento das vendas. Agora de cara ás ó próximo Nadal agarda seguir repartindo sorte entre os seus veciños.

    Redacción Barbanza