BARBANZA> A Deputación da Coruña presentou esta mañá a nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local, o denominado PEL 2021. En total serán máis de 5 millóns de euros para financiar novas contratacións, investimentos que melloren a competitividade das empresas e cotas á Seguridade Social dos autónomos da provincia.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado do vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, para presentar a nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local. Serán en total máis de 5 millóns de euros para apoiar a contratación de persoal e investimentos por parte dos autónomos, pemes e microempresas da provincia.
Valentín González aludiu tamén a que nos atopamos ante o PEL máis social, cun orzamento que sobe un 40% con respecto ó do ano pasado e que incorpora novas liñas para adaptarse á situación actual e apoiar a aqueles sectores máis afectados pola pandemia.
Pola súa banda o vicepresidente, Xosé Regueira, destacou tamén o esforzo económico e tamén humano que supón o PEL para o ente provincial.
A presentación de solicitudes permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de abril. Realizarase mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL do organismo provincial.