Queiman en Aguiño unha planeadora tras descargar catro toneladas de cocaína nunha praia de Muxía

    RIBEIRA > A Policía Nacional interviu case catro toneladas de cocaína no primeiro gran golpe ó narcotráfico que se produce neste ano, no marco da operación ‘Tabaiba’. A colaboración entre o Servizo de Vixilancia Aduaneira e a Policía Nacional permitiu detectar a embarcación que se atopaba descargando a droga nunha praia de Muxía. Os axentes conseguiron aprehender o alixo pero os narcotraficantes fuxiron a bordo da planeadora á que prenderon lume na costa de Aguiño.

    fotoplaneadora_200_120109.jpgArredor das nove da mañá do domingo un veciño daba a voz de alarma ó avistar unha planeadora ardendo na zona da Covasa, nas inmediacións do porto de Aguiño. Ata o lugar, desprazouse un equipo de bombeiros do parque de Ribeira que tardaron máis de dúas horas en sofocar as lapas así como unha unidade antidroga da Policía Nacional. Tras extinguir o lume, foi preciso retirar a planeadora cunha grúa de grandes dimensións posto que o peso da embarcación rondaba os oito mil quilos.

    Fuxida cara o sur

    Segundo fontes da Policía Nacional, a embarcación iniciou a súa fuxida pola ría a pasada madrugada cando foi detectada polo servizo de vixilancia aduaneira nunha zona da costa de Muxía onde se dirixía a descargar a droga.

    Importante alixo

    A policía logrou intervenir uns tres mil cincocentos quilos de cocaína e procedeu á detención dun individuo Andrés G.G, pertencente ó clan dos Lulús, unha das organizacións de tráfico de drogas máis activas da Costa da Morte. Pola contra, non logrou aínda dar cos tripulantes da planeadora encallada en Aguiño que se deron á fuga. Os axentes das unidades especiais da Policía Nacional continuan coa investigacións aínda que o estado en que quedou a embarcación dificulta o achado de rastros.

    A operación que permitiu a aprehensión de 122 fardos de cocaína, foi levada a cabo polo Grupo de Resposta Especial ó Crime Organizado de Galicia (GRECO) e a Brigada Central de Estupefacientes. Colaboraron tamén o Centro de Intelixencia contra o Crime Organizado (CICO), e a Unidade de Droga e Crime Organziado (UDYCO) da Xefatura Superior de Policía de Galicia.

    Redacción Barbanza