En marcha as obras de humanización da travesía de Palmeira

RIBEIRA> A Conselleira de Infraestruturas desprazouse esta mañá ata Palmeira onde comezaron os traballos de humanización da travesía que vertebra a parroquia. O obxectivo desta obra, que conta cun orzamento próximo ós tres millóns de euros, é dar prioridade o tránsito peonil con beirarrúas máis amplas e accesibles, zonas verdes e espazos de lecer.

Buscar o mellor balance entre o tráfico e o núcleo de poboación. Esta é a finalidade das obras de humanización da travesía de Palmeira que hoxe comezaron a executarse. O proxecto, deseñado co asesoramento da Fundación RIA, pretende dar prioridade ó tránsito peonil compatibilizándoo coa circulación de vehículos necesaria para vertebrar a parroquia.

Actuarase sobre un treito de case un quilómetro da AC-305 ó seu paso polo núcleo de poboación. Ademais da renovación dos pavimentos e ampliación das beirarrúas contémplase a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais.

Tamén se procederá ó soterramento do cableado aéreo e á creación de 850 metros cadrados de zonas verdes coa instalación de mobiliario urbano para habilitar áreas de lecer para a veciñanza.

O orzamento ascende a preto de tres millóns de euros e as obras estarán rematadas antes do verán do próximo ano.