O Boiro confía no recurso presentado ante a RFEF para manter a categoría

    BOIRO> A directiva efectuou onte luns o pago dos preto de 94 mil euros que lle adebedaba ós xogadores. Durante máis de hora e media, a diretiva do Boiro compareceu en rolda de prensa para explicar a situación pola que atravesa ó Club. O presidente, David Places, deu a súa versión de todo o que aconteceu nas últimas semanas e que derivaron o pasado venres no seu descenso administrativo da 2ª División B, ó incumprir o prazo establecido pola Real Federación Española de Fútbol para satisfacer a débeda cos xogadores da plantilla, cifrada nuns 94 mil euros. Un pago que si realizaron na mañá de onte. Segundo explicou o propio Places o incumprimento do prazo debeuse fundamentalmente a un suposto engano por parte dunha sociedade que pretendía facerse co control do Club, a través dun convenio, aboando agora a cantidade que lle demandaban os xogadores e posteriormente investindo unha gran cantidade de capital. Na comparecencia ante os medios, acompañando á directiva do Boiro, atopábase o asesor xurídico, Javier Picallo, quen aludiu ó recurso presentado ante a Federación, ó que acompaña tamén unha carta asinada por un dos capitáns do equipo, en representación de todo o plantel, na que aseguraba que os xogadores retiraban a denuncia posta no seu día por impagos, motivo principal polo que o Boiro está hoxe ‘fóra’ da categoría de bronce. A pelota, e nunca mellor dito, está agora no tellado da Federación, que deberá resolver a situación nun par de días. A cousa, en principio non pinta moi ben para os intereses do Boiro. Aínda así fontes do propio Club aseguraron que pelexarán ata as últimas instancias, para poñer a entidade no sitio que realmente se merece e que se gañou deportivamente nos terreos de xogo.