A victoria sobre o Alondras mete ó Celtiga na loita polo ascenso

futbol250_260109.jpgSALNÉS> Fin de semana na que se víu a primeira derrota do Compostela que tras 21 xornadas perdeu a súa imbatibilidade, e na que o Céltiga retomou a boa liña de resultados vencendo ó Alondras nun partido moi reñido.

O Céltiga sumou tres importantes puntos que o volven a instalar de cheo na loita por meterse na fase de ascenso. Fíxoo ademais ante un rival directo, o Alondras, que chegaba cuarto ó Salvador Otero e que vendeu moi cara a derrota.

O encontro vivíu dúas partes moi diferentes, condicionadas pola climatoloxía e sobre todo polo vento. Na primeira, co aire a favor, os de Josiño Abalde foron moi superiores, presionando ben a saída de balón do rival e metendo no seu campo ós de Cangas. Antes do descanso, os goles de Manuel, Víctor e Diego Peláez deixaban no electrónico un 3-0 que semellaba definitivo.

Pero na segunda metade o Alondras reaccionou. Iago ós cinco minutos e Edgar a un cuarto de hora do final puxeron o 3-2. Nos últimos compases, o acoso visitante foi total pero os locais souberon parar o encontro e controlar as ofensivas dun Alondras que foise de vacío da Illa.

No Baltar, o Portonovo sumou o seu séptimo empate consecutivo (0-0), que lle serve para seguir sumando pero non para escapàr da zona perigosa da táboa. Onte, foron superiores durante boa parte do encontro ó Coruxo pero non puideron materializar en gol o seu dominio. Curiel tivo a mellor ocasión ó filo do descanso pero o porteiro visitante estivo máis acertado no man a man.

Xa no segundo tempo chegou a polémica, cun tanto anulado a Fiti por presunto fóra de xogo. Os de Milucho quédanse agora ás portas do descenso, con tan só un punto de marxe sobre o Arousa. Visitarán a semana que ven o difícil campo do Montañeros.

Vilalonga e Arousa, pola súa parte, xogaron fóra de casa e ambos fixérono con derrota. Os de Laxes perderon nas Pardiñas ante o Somozas (3-2) e vólvense a meter en descenso. Os erros na parcela defensiva condicionaron de novo ós vilagarciáns, que non foron quen de reter a victoria pese a ter estado dúas veces por diante no marcador. Hugo Soto prolongou o seu estado de gracia e sumou dous tantos que a postre non serviron de nada. Os locais leváronse a victoria no minuto 80, despois de terse adaptado mellor ás malas condicións que presentaba o terreo de xogo.

O Vilalonga pola súa parte plantoulle cara ó mellor equipo dos últimos dous meses, pero tampouco foi suficiente. O Cerceda remontou na segunda metade con goles de Felipe e Souto o tanto acadado por Saúl no primeiro tempo. Derrota que non lle ven nada ben ós de Gabi Leis, que de ter gañado estarían agora metidos na loita por entrar entre os catro primeiros.

Redacción Salnés