Vilanova acollerá mañá sábado a sexta e última regata da Liga Provincial de Piraguismo

VILANOVA> A proba para as categorías alevín e benxamín disputarase a partir das once da mañá na zona do esteiro e reunirá ó redor duns cincocentos rapaces procedentes de diferentes clubs da provincia. Ó redor duns cincocentos rapaces procedentes de diferentes clubs da provincia daranse cita mañá sábado, a partir das once, no circuíto da zona de Esteiro de Vilanova, para participar na sexta e derradeira proba da Liga Provincial para as categorías alevín e benxamín. A actividade está organizada pola Escola de Piraguismo de Vilanova, o Club O Muíño de Ribadumia e o propio concello, en colaboración coa Federación Galega de Piraguismo e a Deputación de Pontevedra. A proba coincidirá tamén coa disputa do primeiro trofeo Rías Baixas Deputación de Pontevedra para as clases k-4 e C-4 na zona do Terrón. O alcalde, Gonzalo Durán, destacou as condicións especiais do concello para a realización de probas deste tipo dirixidas ás categorías base, como é o caso do circuíto na zona do Esteiro. As dúas regatas seguen a liña marcada polo executivo de cara a fomentar os deportes náuticos na localidade.