Padrón será sede do Campionato Galego de Xadrez Rápido

PADRÓN> A cita, que será esta fin de semana no Hotel Scala, incluirá tamén o trofeo internacional e o trofeo de promoción, patrocinadas pola empresa Distribunosa. Esta mañá tiña lugar no Hotel Scala de Padrón, o acto de presentación do sexto Campionato Galego de Xadrez Rápido, que terá lugar este próximo domingo nas instalacións do propio hotel, baixo a organización do Club Xadrez Padrón, e que conta coa colaboración da Federación Galega de Xadrez e o propio concello padronés. A proba arrancará ás dez da mañá e nel daranse cita os mellores xadrecistas da comunidade. O campión terá a honra ademais de representar a Galicia nos próximos Campionatos de España na modalidade de rápidas que se celebrará o próximo mes de agosto en Linares. Aproveitarase tamén o sábado para celebrar, nas propias instalacións do Hotel Scala, a sexta edición do Trofeo Internacional e do Trofeo Promoción, ambas patrocinadas tamén pola empresa Distribunosa. O primeiro dirixido a categoría absoluta e no que se contará coa participación de grandes mestres como é o caso do letón Ilmar Starostits, o serbio Aleska Strikovic ou o arxentino, Alejandro Hoffman, os grandes favoritos a levarse a vitoria xunto ós españois David Lariño, Diego Espiñeira ou Pablo García. En canto á categoría de promoción, dende a organización agárdase unha alta participación, entre 130 e 150 xogadores. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, destacou tamén a importancia destes campionatos, convidando ós padroneses a asistir a presencialo, xa que se trata de probas do máis alto nivel. A organización repartirá máis de 2.000 euros en metálico entre os primeiros clasificados nas categorías absolutas, así como tamén trofeos, camisetas e sorteo de agasallos para as categorías base.